xoves, 4 de abril de 2024

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Que mellor xeito de celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil que coa visita, ao día seguinte, dunha das nosas autoras favoritas? 
 
O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu na biblioteca a un encontro, facilitado pola editorial Galaxia, coa escritora Antía Yáñez Rodríguez, autora de libros lidos por nós no Club de lectura como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela e Be water.
 
Tras a presentación da escritora feita por Mencía, Antía Yáñez falounos dos seus libros, da historia de Portomarín, do proceso da escrita e contestou ás preguntas que os alumnos e alumnas lle fixeron.
 
A continuación proxectamos o booktrailer sobre O misterio do torque de Burela, protagonizado polas alumnas do grupo de 2º ESO do Club de lectura.

Despois deste encontro, tivo unha xuntanza co grupo de profesorado do Club de lectura, co que falou do seu libro Senlleiras

Moitas grazas, Antía, pola túa visita!
 

Antía Yáñez coas alumnas do grupo de 2º do Club de lectura.

Co alumnado de 1º ESO.

Asinando exemplares de Be Water.

Co grupo de profesorado do Club de lectura.



martes, 2 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende 1967, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, coa finalidade de promover o bo libro infantil e xuvenil e a lectura entre os máis novos.

Cada ano, unha sección nacional do IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un escritor ou escritora representativos e un ilustrador ou ilustradora de renome do seu país para crear unha mensaxe e un cartel.

Este ano a sección elixida é Xapón, que difunde a mensaxe da escritora Eiko Kadono (baixo o lema “Navega polos mares coas alas da túa imaxinación”), ilustrada por Nana Furiya.
 

 

venres, 22 de marzo de 2024

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O día 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, día adoptado pola UNESCO durante a súa 30ª Conferencia Xeral en París en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética.

En palabras de Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO: "Neste  Día  Mundial  da  Poesía,  a  UNESCO  celebra  o  poder  de  cuestionar  as  certezas  para  permanecer  abertos  aos  demais, para  acoller  o  mundo  en  toda a súa  diversidade –que son fundamentos esenciais para construír sociedades pacíficas."

Nós este ano publicamos un díptico cunha selección de poemarios de autores e autoras da Costa da Morte dispoñibles na nosa biblioteca e homenaxeamos cinco poetas de Fisterra, facendo unha exposición e poñendo voz aos seus poemas, sendo Carla a encargada de facelo nesta montaxe que esperamos que vos guste.

 




venres, 15 de marzo de 2024

CONCURSO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Xa temos gañadora do Kahoot baseado na presentación 8 Mulleres Galegas realizada pola Biblioteca: Adela, de 3ºA. Parabéns!!
 
Esta actividade formou parte da celebración do Día Internacional da Muller.

Parabéns!!

venres, 8 de marzo de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Este ano unímonos á celebración do Día Internacional da Muller con diferentes actividades. As integrantes do grupo de 2º ESO do Club de lectura leron un manifesto que incluía "Carta de una madre", de C. De Santos; inauguramos a exposición As mulleres da nosa vida, con fotografías proporcionadas polo alumnado; editamos un vídeo-homenaxe ás mulleres de Fisterra; e realizamos a presentación 8 Mulleres Galegas, sobre a que elaboramos un Kahoot no que invitamos a participar a todo o alumnado.

 



Alumnas do Club de lectura lendo o manifesto

venres, 23 de febreiro de 2024

DÍA DE ROSALÍA

Hoxe celebramos o Día de Rosalía no centro con varias actividades. Seguindo a proposta da AELG, elaboramos o cartel-mural "Rosalía: o amor da patria galega"; durante o recreo puidemos escoitar a través da megafonía un recital poético protagonizado por alumnado e profesorado do centro; e, por último, a nosa Rosalía particular, Mencía, repartiu poemas e chapas deseñadas e elaboradas polo Departamento de Artes Plásticas.


domingo, 11 de febreiro de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas.

Dende a biblioteca querémosvos propoñer, por medio dunha exposición e un díptico, varios libros e películas que nos axudarán a coñecer os logros de diferentes mulleres científicas ao longo da historia. Se facedes clic nas portadas, teredes máis información sobre eles.
 
Esperamos que gocedes da súa lectura!